A titularidade do mar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

10 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño un amigo que di que é de río e non de mar por unha razón moi potente, e é que asevera que os ríos son dos lugares polos que pasan (e polo tanto, da súa xente) e o mar... o mar é de todos. E a min o que me gusta é precisamente esa bondade do océano, que se dá a todos. 

Mais esa idea romántica acabouse, porque o mar ten dono. Non só ten amo, a cousa é peor, porque a masa inmensa de auga salgada véndese por parcelas. Como non, as partillas para Galicia non nos saíron moi boas. E non van crer por que: por culpa do brexit. O que oen.

Resulta que a saída do Reino Unido da Unión Europea non vai ser cousa só dos británicos, e aquí atínxenos en especial aos galegos, porque faenamos en augas que están baixo a súa titularidade. Como non, tiña que tocarnos algo así.

É por todo isto polo que agora temos que estar moi pendentes de Escocia, e non por comparar se o seu instrumento musical por antonomasia se parece máis ou menos á nosa gaita tradicional, senón por saber da súa independencia. Se a conseguen e ingresa de novo en Europa, pode que nos deixe usar a súa partilla de mar para poder traballar e comer.

Nunca pensei que isto fose tan complexo. Que o que decida o Reino Unido sobre a súa pesca vai afectar directamente á nosa patria. Mais parece que si.

E... recapitulando... Non era que o mar, o Sol, a Lúa... son de todos? E de ninguén! Ben que protestamos cando unha muller se quixo facer a dona do Sol, porque xuridicamente seica se sabía. E nós veña que o Sol non é de ninguén.

Pois non. Xa ven. Que cousas!